
Estamos ledos de ter pasado un día “de carreiras” na primeira edición do Máster de Campións en Santiago. O traballo dos amigos da Escudería Compostela viuse recompensado co bo espectáculo brindado por todos os pilotos participantes, que por momentos fixeron vibrar o gran número de afeccionados que decidiron pasar o fin de semana no Recinto Feiral de Amio.
Estivemos “de xira” por varios centros comerciais de Galicia (actividade á que intentaremos dar continuidade), tratamos de achegarnos aos afeccionados ao automobilismo e ao público en xeral, exhibindo os nosos vehículos de competición, temos organizando sesións de entrega de posters e firma de autógrafos,… Pero isto non era suficiente e no Equipo Vallejo Racing queriamos algo máis. Gústanos que os nosos pilotos e os nosos coches fagan aquilo que constitúe a nosa razón de ser: entrar en acción.
A posibilidade de compartir un día enteiro cos afeccionados sen a presión de necesitar un bo resultado e co dobre obxectivo de gozar e de facer gozar aos demais, non ten prezo. Probablemente cumprísemos ambos os dous obxectivos este domingo. Tanto Vallejo coma Muñiz estaban felices coas numerosas mostras de afecto que recibiron dos afeccionados e trataron de corresponderlles coa súa actuación na pista. Os que estivemos alí puidemos ver a Sergio buscando os límites ás cruzadas do Porsche, espremendo a habitual espectacularidade do coche… a un despeiteado Alvaro, apurando as freadas ata o imposible, atacando cada curva ao máximo… e ao final gañando a proba.

Nova vitoria e trofeo para as vitrinas do Equipo Vallejo Racing, que nos gustaría repetir esta tempada en moitas ocasións. Porque no 2012… todos queremos máis!!!
Grazas amigos.
















